IniciosociedadePomar insiste en responsabilizar ás familias de Cervo do atraso na apertura...

Pomar insiste en responsabilizar ás familias de Cervo do atraso na apertura do curso

Tras anunciar os pais que levarán os nenos ao colexio o mércores, a conselleira afirma que "hixiene e seguridade" estaban "garantidas" e que había "condicións obxectivas" para entrar

Publicada o

- Advertisement -

Segundo informa Efe, a conselleira de Educación, Carmen Pomar, asegurou que a “normalidade” quedará restablecida en todos os colexios da provincia de Lugo nos que continúan as obras de mellora, especialmente nos de Casás e Cervo, onde o pasado luns só cinco de 133 alumnos participaron nas clases, ao considerar as familias que os centros non reunían as condicións óptimas para o inicio do curso.

Pomar asegurou que as “clases comezaron a semana pasada” en todos os centros, aínda que “outra cousa é que os nenos non se incorporasen todos”, neste caso por decisión dos pais. No Ceip de Cervo, ningún alumno asistiu ao colexio ante a “falta de hixiene e seguridade” das aulas, que a Xunta de Galicia comprometeu “listas” para o día de inicio do calendario escolar fixado para todos os centros, estivesen ou non en obras. Un total de 112 persoas asinou un escrito para reclamar a Educación unha solución fronte a esta situación.

Precisou, en calquera caso, que “aos poucos está volvendo a normalidade e estanse incorporando” aqueles alumnos que “por precaución” das súas familias non acudiron ás aulas, aínda que “a seguridade estaba garantida“.

OS PAIS SON “LIBRES” DE FACER “INTERPRETACIÓNS”, AFIRMA

Por iso, afirmou que “ao longo desta semana” xa se poderá “falar de total normalidade” naqueles colexios que están “convivindo cunha parte das obras” de mellora, que “fundamentalmente están relacionadas co exterior, coas fachadas“.

Asegurou que as aulas neses centros “están limpas” e preparadas para o inicio das clases, porque logo da obra fíxose “unha limpeza básica”, pero os traballos que se seguen desenvolvendo “cada día xeran un pouco de pó” e “hai que volver limpar”.

“Temos que ter unhas condicións obxectivas, garantidas polas empresas e pola Xefatura Territorial e a Delegación da Xunta en Lugo, e tiñamos esa garantía. Evidentemente, as familias son libres de facer interpretacións ou análises concretas das situacións”, dixo a conselleira.

En calquera caso, aclarou que, “como conselleira” ten “a responsabilidade e a obriga de velar por que a seguridade se garanta en todos os centros, nos que están en obras e nos que non están en obras”.

“Para min o que era importante é que as aulas estivesen en perfectas condicións hixiénicas e de seguridade“, insistiu, pero “despois cada familia ou cada cidadán é moi libre tomar decisións”.

Nese sentido, recordou que nos centros afectados “había nenos nas aulas”, polo que había familias “que confiaron na Administración“.

AS FAMILIAS ENVIARÁN UN ESCRITO Á XUNTA

Nunha xuntanza celebrada no consistorio na tarde do pasado luns, os pais decidiron que a maioría dos pequenos regresará ás clases o vindeiro mércores, logo de que se avanzase tanto nas obras -habilitáronse novos baños, cando para o inicio do curso estaban só dispoñibles dous das aulas de infantil e outros dous para todo o profesorado e alumnado- como na limpeza das clases, pero tamén ante a falta de alternativas da Xunta e ante a dificultade de asumir o coidado dos nenos nos días laborables.

O mércores espérase habilitar a cociña, polo que a maioría dos pais elixiu este día para o regreso ás aulas dos seus pícaros, aínda que cada familia decidirá cando leva os seus nenos ao colexio. “Hai pequenos con problemas de asma que igual esperan un pouco máis, porque aínda hai pó. Cada un decide libremente e sen condicionantes de ningún tipo”, indica Luz Campo, da Asociación de Nais e Pais (Anpa) do colexio cervense.

As familias do Ceip de Cervo, con todo, síntense desprotexidas pola Administración autonómica, que non ofreceu “unha solución” á petición dos pais de reubicar os nenos ou de fixar unha nova data para o inicio do curso, dado o atraso da rehabilitación do centro, que -cun prazo de tres meses de execución- comezou o pasado 22 de xullo.

Os pais teñen previsto entregar o mércores á Consellería un escrito explicando a súa postura e reclamando melloras no centro, pois atopan algunhas “deficiencias” que comunicarán á Xunta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...